Moeda de níquel de 3 centavos de dólar estadounidense
3 centavos de níquel [1] | |
---|---|
A/: Cabeza da Liberdade coroada cara á esquerda. Data.
Lenda: UNITED STATES OF AMERICA / LIBERTY (na coroa) |
R/: Valor facial en números romanos dentro dunha coroa de loureiro.
Lenda: III |
|
A moeda de níquel de 3 centavos de dólar estadounidense é unha moeda dese valor facial emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada en cuproníquel na Ceca de Filadelfia entre 1865 e 1889, en substitución doutra anterior, co mesmo valor facial, cuñada en prata.
O seu deseñador foi o daquela gravador xefe da Casa da Moeda dos EEUU, James B. Longacre.
O atesouramento das moedas federais de metais nobres por parte da poboación durante a axitación económica provocada pola guerra civil estadounidense, entre as que se atopaba a anterior de 3 centavos de prata, provocou unha falta de moeda miúda en circulación. Ante isto, o Goberno federal emitiu papel moeda de valores faciais baixos para permitir as pequenas transaccións comerciais, que non gozaron dun bo acollemento popular. Logo da emisión en 1864 dun centavo de bronce máis lixeiro que o anterior e dunha nova moeda de 2 centavos, tamén de bronce, que circularon libremente, propúxose tamén a creación dunha moeda de 3 centavos de cuproníquel. Os seus defensores estaban encabezados polo industrial de Pensilvania Joseph Wharton, que daquela controlaba a subministración nacional da minaría de níquel. O 3 de marzo de 1865 presentouse un proxecto de lei no Congreso para a creación desta moeda, que foi aprobado por ambas as cámaras e asinado polo presidente Abraham Lincoln.
A moeda de 3 centavos de cuproníquel circulou con axilidade nos seus inicios, mais foi perdendo popularidade logo da introdución en 1866 dunha nova moeda de 5 centavos feita na mesma aliaxe de níquel; unha moeda máis atractiva polo seu maior tamaño e que se axustaba mellor ao imperante sistema decimal. Despois de 1870, as tiraxes da moeda de 3 centavos foron baixas a maioría dos anos, e en 1890 a súa emisión acabou sendo cancelada polo Congreso. A derradeira serie cuñouse con data de 1889, aínda que moitos destes exemplares acabaron sendo novamente fundidos, para cuñar con ese metal novas moedas de 5 centavos.
Antecedentes
[editar | editar a fonte]A grande afluencia de metal precioso procedente da febre do ouro de California e doutros achados fixo que o prezo da prata en relación ao do ouro aumentase en 1848, polo que as moedas de prata se atesouraban ou se exportaban para as fundir. En 1851, o senador por Nova York Daniel S. Dickinson presentou no Congreso un proxecto de lei para a creación dunha moda de 3 centavos de dólar cun 75 % de prata e un 25 % de cobre, en paralelo á rebaixa das tarifas postais de 5 centavos a 3 centavos. Esta pureza da prata era inferior á do 90 % habitual nas moedas que circulaban na época do acaparamento. Por outra parte, a moeda dun centavo de bronce grande non circulaba na costa do Pacífico nin no Sur, por mor dos prexuízos que había nesas zonas contra as moedas que carecían de metal precioso na súa composición. Nesta conxuntura, cumpría algún mecanismo que permitise a compra dun selo postal sen recorrer ás moedas dun centavo.[3] O proxecto de lei de Dickinson aprobouse o 3 de marzo de 1851 e, ademais de autorizar a moeda de prata de 3 centavos, reduciu a ese prezo as tarifas da maior parte dos correos no país.[4] En 1854, o desequilibrio diminuíra, polo que o Congreso aumentou o contido en prata daquela moeda ata o 90 % habitual, aínda que se reduciu o seu peso.[5]
Os grandes centavos foron substituídos en 1859 por outros máis pequenos, producidos cun 88% de cobre e un 12 % de níquel.[6] En 1861 comezou a guerra civil estadounidense e, cando fracasaron os esforzos para financiar a guerra mediante préstamos, o Tesouro deixou de pagar en ouro, en decembro dese ano. O país pasou a unha economía baseada no papel moeda, sen apenas alteracións. En xuño de 1862, o prezo da prata subira ata o punto de que as moedas dese metal desapareceron da circulación, e moitas delas foron exportadas ao Canadá, onde se aceptaban na circulación e podían cambiarse por ouro. Esa saída das moedas de baixo valor foi moito máis perturbadora para o comercio que a desaparición das moedas de ouro de altos valores faciais, e os cambios nas transaccións cotiás pasou a facerse mediante improvisacións moi variadas. Entre elas estaba a emisión de moeda miúda propia por parte dalgunhas empresas e mesmo cidades, así como o uso de selos de correos encapsulados. O Goberno federal emitiu tamén papel moeda de valores baixos, entre eles o de 3 centavos. Na costa do Pacífico, onde o papel moeda non se aceptaba de bo grado, a prata e o ouro seguían a circular.[7]
Dado que os billetes de moeda fraccionaria co valor de 3 centavos non apareceron ata 1864, o centavo pequeno de cuproníquel era o único medio de pagamento daquela dispoñible para as voltas do billete de 5 centavos. A moeda dun centavo mesmo chegaba a venderse cunha prima do 4 % cando se vendía en lotes, e a Casa da Moeda intentaba manter o ritmo da demanda limitando as compras públicas de centavos a cinco dólares, e evitando os envíos ás grandes cidades. Malia estes intentos, o director da Casa da Moeda, James Pollock, indicaba nos seus informes anuais que era difícil manter os centavos na circulación, ao seren acaparados, a pesar de que o valor do seu metal seguía a estar por baixo do seu valor nominal. O numismático Neil Carothers sostén que a moedas dun centavo foron apartadas da circulación pola poboación por seren a única moeda metálica federal daquela en uso, nun momento en que a xente se vía na obriga de aceptar uns febles anacos de papel no canto de prata e de ouro.[9]
Tendo en conta que as moedas dun centavo pequeno de cuproníquel se vendían a prezos elevados en 1863, emitíronse numerosas fichas privadas que se utilizaban en lugar deles no comercio. Os funcionarios da Casa da Moeda decatáronse de que as fichas, moitas delas feitas de bronce no canto da aliaxe de acobre e níquel que se utilizaba daquela no centavo, non se atesouraban, polo que consideraron a posibilidade de comezar a emitir moedas de bronce. Cando Pollock presentou unha proposta para a creación de moedas de bronce de 1, de 2 e de 3 centavos, opúxose o industrial Joseph Wharton, propietario da principal mina subministradora de níquel aos Estados Unidos, en Gap, Pensilvania.[10] O proxecto de Pollock, tal e como se presentou, prevía moedas de bronce de 1 e de 2 centavos, ao que Wharton se opuxo. Segundo Carothers:[11]
“ | O Congreso negouse a transixir cos intereses [da minaría] do níquel [...] Na Cámara de Representantes, os seus opoñentes conseguiron adiar a súa aprobación durante un mes. Thaddeus Stevens, un dos homes máis influentes da cámara, combateuno con dureza, aínda admitindo que era porque se o proxecto se opuña aos intereses de Wharton. | ” |
A Lei da Moeda de 1864 foi aprobada o 22 de abril. Logo de estaren en circulación durante varios meses as novas moedas de 1 e de 2 centavos de bronce, conseguiuse que non fosen atesouradas pola poboación.[12] A aliaxe de bronce era máis doada de cuñar que a de cobre e níquel, o que permitía resaltar mellor os detalles e prolongar a vida útil dos cuños.[13]
Proceso lexislativo
[editar | editar a fonte]Xa que logo, o níquel, antes utilizado no na moeda dun centavo, deixou de ter presenza na moeda dos Estados Unidos, o cal non satisfacía en absoluto a Wharton, que procuraba o seu regreso. Aínda que Pollock non mencionou a posibilidade de cuñar máis níquel no seu informe anual de 1864, Wharton publicou en abril dese ano un folleto no que propuña que todas as moedas de metais non preciosos estivesen compostas por un 75 % de cobre e un 25 % de níquel. Os antigos centavos de cuproníquel contiñan so un 12 % de níquel, e aínda así a Casa da Moeda tivera dificultades para a súa cuñaxe por mor da dureza da aliaxe, cuxo uso danaba demasiado pronto os cuños. A aliaxe co 25 % de níquel que propuña Wharton resultaría aínda máis difícil de cuñar, mais este defendía a súa postura argumentando que tamén sería máis difícil de falsificar.[14]
O Congreso autorizara, a través da Lei da Moeda de 1863, do 3 de marzo, a emisión de billetes de moeda fraccionaria de 3 centavos. Cando estes billetes chegaron á circulación o ano seguinte, resultaron moi impopulares. A Lei de 1864 que instaurara o bronce no canto do cuproníquel tamén prohibira as emisións de fichas privadas. Estas seguiron a producirse, aínda que de xeito anónimo, e seguían a ser preferidas aos billetes, que ao pouco tempo adquiriran un aspecto luxado e esfarrapado, o que aumentou a súa impopularidade. Segundo Walter Breen, "este era o momento que Wharton estaba a esperar".[16] Wharton e os seus seguidores argumentaron que os billetes de 3 centavos debían ser trocados por moedas equivalentes e sostiveron que se o Congreso ordenaba a creación dunha moeda de bronce de 3 centavos esa moeda tería que ser tan grande como o obsoleto centavo, que podería ser utilizada para enganar os cegos, dándolla no canto da de 3 centavos.[17] Pollock, que anteriormente se opuxera á cuñaxe con níquel, cambiou de opinión a pasou a ser partidario del.[18]
Hai varios relatos lixeiramente diferentes acerca do motivo polo que se aprobou o proxecto de lei que creou a moeda de cuproníquel de 3 centavos. Breen conta que os defensores do níquel fixeron presión ao presidente da Comisión da Moeda da Cámara de Representantes, John Adam Kasson, e que finalmente o convenceron de que mesmo as moedas cun 25 % de níquel —co conseguinte problema de produción, pola súa dureza—sería mellor que seguir a utilizar os billetes de moeda fraccionaria dese valor. Estes seguidores de Wharton presentaron un proxecto de lei para unha moeda de 3 centavos con tal aliaxe, que non cancelaba a anterior moeda de 3 centavos de prata, que aínda estaba en circulación oficialmente e mesmo se seguía a cuñar, aínda que en cantidades moi pequenas. As novas moedas de 3 centavos emitiríanse, consonte este proxecto de lei, para trocarse polos billetes de moeda fraccionaria do mesmo valor, cuxa impresión foi detida por orde da Casa da Moeda.[16][19]
O proxecto de lei foi aprobado pola Cámara de Representantes na noite do 3 de marzo de 1865 e polo Senado na mañá seguinte, o 4 de marzo, e finalmente foi aprobado polo presidente Abraham Lincoln, para o converter en lei, no derradeiro día do seu primeiro mandato como presidente dos Estados Unidos.[21]
Q. David Bowers dixo acerca desta apresurada aprobación da norma: "Só poderemos adiviñar o que ocorreu entre bastidores".[18] Carothers escribiu que Kasson [o presidente da Comisión da moeda] se opuxera á moeda de níquel e que, mesmo así, presentara o proxecto de lei durante as présas do derradeiro día de sesión no Congreso: "Non houbo ningún tipo de informe nin explicación. [...] Nunca se revelaron as influencias que provocaron a aprobación da norma deste xeito".[22] O historiador numismático Don Taxay suxeriu que en marzo de 1865 "a ampla circulación do centavo de bronce e da peza de 2 centavos convertera en superflua a moeda de 3 centavos".[23]
Deseño
[editar | editar a fonte]O Gravador Xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos, James B. Longacre deseñara, desde 1849, varias moedas coa cabeza dunha representación alegórica da Liberdade, baseándose nun busto clásico chamado "Afrodita en crequenas", que vira nun museo de Filadelfia como préstamo do Vaticano. Aínda que a Liberdade utilizada no anverso da moeda de 3 centavos é máis parecida ás moedas experimentais dun centavo de Longacre de 1857 e ás de 2 dólares e medio de ouro de 1860, ten semellanzas coas demais representacións da Liberdade realizadas polo gravador xefe. Na moeda de 3 centavos porta unha coroa coa palabra LIBERTY e o cabelo recollido cunha fita.[24]
Para o reverso, Longacre combinou o número romano III —que xa aparecía na anterior moeda de 3 centavos de prata— coa coroa de loureiro utilizada no reverso do centavo Indian Head de 1859. Breen postulou que a similitude do deseño con outras moedas de Longacre contribuíu ao escaso interese amosado polos coleccionistas cara a esta moeda.[24]
Segundo David W. Lange, "enxeñoso coma sempre, J. B. Longacre simplemente revisou unha imaxe existente da Liberdade para o anverso da moeda. O mesmo perfil clásico que aparece no centavo Indian Head e no dólar de ouro, na peza de 3 centavos vese dotado dun novo peiteado e dunha coroa coa inscrición LIBERTY".[25]
A lei que autorizou a moeda de níquel de 3 centavos contiña tamén unha disposición que esixía o uso do lema nacional IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos") en todas as moedas o suficientemente grandes como para o levar, aínda que a nova moeda se considerou demasiado pequena para iso.[26] Non se realizou axuste ningún da moeda ao longo de toda a súa existencia.[27]
Produción e circulación
[editar | editar a fonte]Primeiros anos (1865-1873)
[editar | editar a fonte]A moeda de cuproníquel de 3 centavos adquiriu moi bo acollemento cando se puxo en circulación a mediados de 1865. Ao resultar máis conveniente que a moeda de bronce de 2 centavos acabou por ocupar o lugar desta na circulación e provocar a súa desaparición en 1873. No entanto, tal e como se prevía, a dureza da aliaxe con níquel causou unha rápida rotura dos cuños.[18] Entre 1865 e 1876, o Goberno utilizou arredor de 17 millóns de moedas de 3 centavos para as trocar polos billetes de moeda fraccionaria dese mesmo valor.[17]
Os intereses do produtor de níquel Wharton non quedaron satisfeitos coa emisión desta moeda e axiña empezou a axitar a opinión pública coa idea da creación doutra moeda, de 5 centavos, tamén coa mesma aliaxe de níquel que a de 3 centavos. A lei do 16 de maio de 1866 introduciu no sistema esa nova moeda. Segundo David Lange na súa historia da Casa da Moeda dos EEUU, a nova moeda de 5 centavos "converteuse nun dos piares das cuñaxes do país".[28] Esa moeda foi dotada de curso legal ata a suma dun dólar, é dicir, 20 pezas.[29]
A introdución da moeda de 5 centavos de níquel diminuíu en gran medida a aceptación e o uso iniciais da de 3 centavos.[31] Esta última comezara a súa andaina en 1865 cunha cuñaxe de máis de 11 millóns de pezas e continuou con case cinco millóns o ano seguinte, mais a partir dese momento as tiraxes foron minguando e caeron ata menos dun millón en 1871, unha cantidade que a moeda só superaría en dúas ocasións.[32][33] A poboación fora amoldando as súas preferencias ás circunstancias: primeiro preferira as pequenas moedas de bronce ao papel moeda; logo decantouse pola moeda de 3 centavos de níquel, no canto da de bronce; e agora preferían a moeda de 5 centavos, antes que a de 3 centavos. Un dos motivos era que a moeda de 5 centavos de níquel sería trocada polo Goberno se se presentaba en lotes por valor de 100 dólares, consonte unha disposición da lei que a autorizaba, mais non existía unha disposición similar para a moeda de 3 centavos nin para as demais moedas de metal común.[31]
Logo da renuncia ao seu cargo de Pollock en 1866 polas súas obxeccións ás políticas de reconstrución do presidente Johnson, o novo director da ceca pública foi Henry Linderman, quen no seu primeiro informe anual en 1867 describiu a cláusula de troco da moeda de 5 centavos como "unha disposición moi sabia e xusta", e instou a que se estendese ao centavo, á moeda de 2 centavos e á de 3 centavos. Os carteiros víronse obrigados a aceptar pezas de níquel de tres centavos como pagamento dos selos postais, pero logo tiñan dificultades para as depositar no Tesouro como pagamento das súas obrigas, xa que o Goberno non aceptaba máis que 60 centavos en cada depósito. Os particulares e as empresas tamén as rexeitaban, máis aló dese límite no seu curso legal; os que tiñan un excedente de moedas de metal común adoitaban vendelas con desconto.[31]
O Congreso non tomou ningunha medida sobre un proxecto de lei para o troco, e en 1868 Linderman volveu a publicar o seu informe anual, no que instaba a que se lle permitise á poboación trocar as moedas de valores baixos, xa que o comercio estaba inzado delas. Revelou que el estivera a trocar os antigos centavos de cobre con moedas de 5 centavos. Carothers indicou que o troco de moedas de cuproníquel por centavos violaba as leis de 1865 e de 1866, que establecían que as moedas de 3 centavos non poderían comprarse con centavos, senón só con billetes ou en especie.[34][35] Linderman defendeu firmemente unha lei de troco para aliviar o exceso de moeda miúda:[36]
“ | Pero o Goberno que vendeu esas fichas ao seu valor nominal, ou as pagou con diñeiro aos seus acredores, agora dá a volta e négase a recibilas en pagamento aos seus propios funcionarios [...] Houbo algunha vez un acto de goberno dun pobo respectable que, pola súa mesquindade, poida compararse con isto?. Un individuo que practicase semellante xogo de confianza sería tachado de ladrón de dous peniques e axiña podería ser enviado a un correccional. Un Goberno que practica fraudes coma esas ao pobo non pode esperar recibir por moito tempo o respecto de ninguén. | ” |
En 1866, o membro do departamento do Tesouro John Jay Knox foi enviado para facer unha inspección á Ceca de San Francisco. Logo do seu regreso a Washington presentou un informe no que recomendaba moitos cambios na maneira de traballar naquela ceca, incluída unha reforma da cuñaxe dos metais non preciosos. Knox queixouse de que a diversidade da normativa para a cuñaxe das moedas provocaba leis "totalmente desconectadas e incongruentes".[38] Linderman propuxo un proxecto de lei para a supresión de todos os billetes de moeda fraccionaria con valores inferiores aos 25 centavos e para a renovación das moedas de cuproníquel de 1, de 3 e de 5 centavos, e no caso da moeda de 3 centavos nun formato máis grande e máis pesado que a xa existente. Este proxecto de lei foi presentado polo representante de Pensilvania William D. Kelley en febreiro de 1868 e foi aprobado na Cámara de Representantes, mais non no Senado. Kelley intentouno novamente na seguinte lexislatura do Congreso, aínda que o proxecto correu a mesma sorte.[39]
Pollock retomou en 1869 o cargo de director da Casa da Moeda dos EEUU. El era contrario ao troco da moeda, mais o secretario do Tesouro, George S. Boutwell, non o era, e o presidente Ulysses S. Grant asinou o 3 de marzo de 1871 un proxecto de lei polo que se permitía o troco de moedas de metal común en lotes dun valor mínimo de 20 dólares. Daquela, o Congreso estaba a estudar as primeiras versións do que máis tarde se convertería na Lei da Moeda de 1873. Tratábase dunha importante lei que reformaba todas as leis anteriores relativas á moeda. No proxecto desta lei, presentado polo senador de Ohio John Sherman o 28 de abril de 1870, incluíase a proposta de Linderman de utilizar a aliaxe de cobre e níquel en todas as moedas menores.[40][41] O debate acerca deste proxecto alongouse durante os tres anos seguintes. O uso do níquel foi o seu punto máis conflitivo; algúns congresistas alegaron que todo o obxectivo do proxecto era beneficiar a Wharton. Entre 1870 e 1872 aprobáronse varias versións deste proxecto na Cámara de Representantes, cunha moeda de 3 centavos meirande, e tamén se aprobou unha vez no Senado, mais as diferenzas entre ambas as cámaras non puideron conciliarse. Logo da segunda aprobación na Cámara de Representantes, en maio de 1872, a Comisión de Finanzas do Senado suprimiu as disposicións relativas á cuñaxe de cuproníquel. Despois dunha reunión dunha comisión conxunta, ambas as cámaras aprobaron unha versión que deixaba inalterados o centavo, a moeda de 3 centavos e a de 5 centavos, que foi asinada polo presidente Grant o 12 de febreiro de 1873. Esta lei eliminou a moeda de bronce de 2 centavos, así como a obsoleta moeda de prata de 3 centavos —que aínda estaba en circulación—, os 5 centavos de prata (half dime) e o dólar de prata común, que sería restaurado en 1878).[42] A moeda de níquel de 3 centavos pasou a ter a consideración de curso legal ata a cantidade de 25 centavos, do mesmo xeito que as outras dúas moedas de metal común: o centavo e os 5 centavos.[43] O escritor numismático Breen considerou que a decisión de eliminar as versións en prata dos 3 centavos e dos 5 centavos, que poderían competir directamente coas súas equivalentes de cuproníquel, era un favor ao industrial do níquel Wharton.[44] Carothers cualificou a supresión desas dúas moedas como "unha necesidade se as moedas de 3 e de 5 centavos ían continuar logo da reactivación da cuñaxe de prata".[45]
Decaemento e final (1873-1890)
[editar | editar a fonte]O 18 de xaneiro de 1873, o cuñador xefe da Ceca de Filadelfia, A. Loudon Snowden queixouse formalmente ao director Pollock de que en todas as moedas dese ano o díxito "3" da data tiña os finais demasiado abertos e se confundía cun "8". Entón Pollock ordenoulle ao daquela gravador xefe William Barber —Longacre morrera o 1 de xaneiro de 1869— que retocara a data nos cuños para as moedas que se producirían no resto do ano. Por este motivo, a maioría das moedas estadounidenses datadas en 1873, incluída a moeda de 3 centavos, teñen esas dúas variantes: "3 aberto", cuñada a principios do ano, e "3 pechado", cuñada despois das modificacións.[48] En total, cuñáronse 390.000 exemplares co 3 pechado e 783.000 co 3 aberto.[32][33]
O numismático Bruce C. Goldstein atribúe á combinación de varios factores o feito de que a moeda de níquel de 3 centavos mantivese o seu franco declive logo da aprobación da Lei da Moeda de 1873. Trocábanse cada vez menos billetes de moeda fraccionaria, debido a que xa pasara máis dunha década desde a emisión dos billetes de 3 centavos. As importantes cuñaxes de prata do Oeste fixeron baixar o prezo deste metal ata o punto de que as antigas moedas de prata saíron do seu atesouramento e retornaron á circulación. Estes factores, combinados coas existencias de centavos e de moedas de 5 centavos, fixeron que os 3 centavos de cuproníquel, unha moeda non de prata e cun valor facial pouco común, fosen menos desexables.[17] En 1876, a cuñaxe baixou a unha tiraxe de 162.000 pezas e os dous anos seguintes non se cuñou exemplar ningún para a circulación,[32] senón só uns centos de unidades con acabamento especial proof —fondo espello e relevo mate— para os coleccionistas.[33][49][50][50]
Malia a tiraxe de máis dun millón en 1881,[32][33] o 1 de outubro de 1883 produciuse un novo golpe para a moeda de 3 centavos, cando as tarifas de primeira do Servizo Postal dos EEUU se reduciron de 3 a 2 centavos para os envíos de ata 14 gramos e a partir de 1885 para todos os envíos máis habituais. A tarifa postal de 3 centavos fora un dos principais motivos para a creación da moeda de 3 centavos, xa en 1851 na súa primeira versión en prata. Perdida esa razón de ser na moeda de 3 centavos,[51] en 1885 só se cuñou a exigua cantidade de 1.000 pezas para a circulación,[52] e en 1886 xa só se cuñaron pouco máis de catro milleiros en versión proof para o coleccionismo, non como moeda circulante.[53] Nos tres anos restantes de vida da moeda cuñáronse en total menos de 60.000 exemplares para a circulación.[32][33] Á medida que a produción da moeda de 3 centavos diminuía, as moedas que rivalizaban con ela no sistema prosperaban, cunha cantidade récord de centavos cuñados na década de 1880 para facer fronte ás necesidades de cambio e para usar nas máquinas recreativas. A moeda de 5 centavos tamén se fixo moi popular nas máquinas comecartos. Ao volver a prata á circulación, moeda de 3 centavos fixérase aínda máis impopular, porque tiña un diámetro moi semellante á de 10 centavos de prata , o que daba lugar a confusións e a pequenas fraudes.[54]
A partir de 1880, nos seus informes anuais, o director da Casa da Moeda dos Estados Unidos e o secretario do Tesouro fixeron un chamamento ao Congreso para que suspendese a cuñaxe dos 3 centavos.[54] A derradeira saíu das prensas en 1889,[32][33] e a moeda ficou suprimida, xunto co dólar de ouro e a moeda de 3 dólares, tamén de ouro, mediante a Lei do 26 de setembro de 1890.[17] Moitas das moedas cuñadas en 1888 e en 1889 seguían retidas no departamento do Tesouro e foron fundidas logo da aprobación desta lei, do mesmo xeito que outros milleiros de exemplares que estaban en poder dos bancos. O metal resultante contribuíu ás grandes tiraxes da moeda de 5 centavos —que era da súa mesma aliaxe— producidas entre 1890 e 1893.[56]
En 1911 tivo lugar unha das tres propostas para recuperar a moeda de 3 centavos, cando os alcaldes Brand Whitlock, de Toledo, Ohio, e Newton D. Baker, de Cleveland, enviaron un documento conxunto ao Congreso con esa finalidade.[57] O ano seguinte, un comité da Comisión de Moeda, Pesos e Medidas da Cámara de Representantes celebrou unha sesión para tratar varios proxectos de lei encamiñados a autorizar unha moeda de 3 centavos de cuproníquel e para cambiar a composición do centavo. O director da Casa da Moeda, George E. Roberts, prestou declaración e indicou que non tiña obxección ningunha para a recuperación da moeda de 3 centavos, xa que se constataba a demanda dunha moeda superior ao centavo e inferior aos 5 centavos.[58] En 1936, o Comité Bacario do Senado chegou a tomar en consideración un destes proxectos de lei.[59] En 1942, o Congreso concedeulle temporalmente ao secretario do Tesouro a autoridade para cambiar a composición da aliaxe de níquel das moedas existentes por mor das necesidades da segunda guerra mundial, e tamén para recuperar a moeda de 3 centavos con esa nova aliaxe, se a Casa da Moeda consideraba que a situación o requiría,[60] mais non se tomou ningunha decisión a este respecto.[57]
No entanto, dun xeito máis testemuñal que práctico, a moeda de 3 centavos foi confirmada como de curso legal en 1965, cando se proclamou que todas as moedas e os billetes dos Estados Unidos eran válidos para o pagamento de calquera débeda pública ou privada, e por calquera cantidade. Loxicamente, nese momento había xa varias décadas que non se vía ningunha moeda de 3 centavos na circulación.[56]
Coleccionismo
[editar | editar a fonte]Segundo a edición de 2018 do catálogo de R. S. Yeoman A Guide Book of United States Coins, soamente as moedas datadas entre 1882 e 1887 superan a cotización de 100 dólares, nun estado de conservación baixo, o mínimo para seren coleccionables. Ás moedas das datas máis comúns asígnanselle entre 15 e 20 dólares nesa mesma condición. Este catálogo atribúelle o prezo máis alto, de 2.000 dólares, á moeda de 1877, cuñada soamente en versión proof e cunha tiraxe de só 900 exemplares.[32][33][62] David F. Fanning, no seu artigo de 2001 dobre as moedas de 3 centavos, indica que os exemplares máis raros son relativamente accesibles en comparación coas moedas dunha tiraxe similar e de series máis populares, como é o caso do dólar Morgan.[63]
O deseño da moeda de 3 centavos de níquel mantívose inalterado ao longo de toda a súa existencia, polo que presenta poucas variantes. Unha delas é a sobredata 1887/6. Neste caso, o cuño estaba datado orixinariamente para 1886, ano no que non se realizaron cuñaxes para a circulación, e para que o cuño non se desperdiciase modificouse o derradeiro díxito, o "6" por un "7", dun xeito defectuoso, coa consecuencia de que na cuñaxe quedou un rastro do "6" orixinal.[64]
Outra variante é a que presentan algunhas moedas de 1865 da versión proof, que amosan unha coroa no reverso que está moito máis preto do bordo que noutras emisións. O máis probable é que neste caso se trate de moedas cuñadas como proba, que posteriormente a Casa da Moeda as incluíu nalgunhas series de presentación de 1865 para coleccionistas.[65] Por outra banda, moitas moedas de 3 centavos non foron cuñadas correctamente, polo que lles faltan detalles do deseño; isto débese a que a cabeza da Liberdade está directamente oposta ao III do reverso, o que xerou problemas na ceca para conseguir que a aliaxe cun metal tan duro fluíse adecuadamente cara aos puntos altos de ambas as faces.[63][66]
Tiraxes
[editar | editar a fonte]Durante todos os anos, esta moeda cuñouse na Ceca de Filadelfia sen amosar marca de ceca ningunha, como era costume na época.
Emisión | Tiraxes [1][32] | |
---|---|---|
Versión proof | Circulantes | |
1865 | 500 | 11.382.000 |
1866 | 725 | 4.801.000 |
1867 | 625 | 3.915.000 |
1868 | 600 | 3.252.000 |
1869 | 600 | 1.604.000 |
1870 | 1.000 | 1.335.000 |
1871 | 960 | 604.000 |
1872 | 950 | 862.000 |
1873 | 1.100 | 1.173.000 |
1874 | 700 | 790.000 |
1875 | 700 | 228.000 |
1876 | 1.150 | 162.000 |
1877 | 900 | 0 |
1878 | 2.350 | 0 |
1879 | 3.200 | 38.000 |
1880 | 3.955 | 21.000 |
1881 | 3.575 | 1.077.000 |
1882 | 3.100 | 22.200 |
1883 | 6.609 | 4.000 |
1884 | 3.942 | 1.700 |
1885 | 3.790 | 1.000 |
1886 | 4.290 | 0 |
1887 | 2.960 | 5.000 |
1888 | 4.582 | 36.500 |
1889 | 3.436 | 18.190 |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "3 Cents "Three Cent Nickel"". Numista.com
- ↑ "3 Cents type 1". Numista.com
- ↑ Breen, W. (1988). Páxina 271.
- ↑ Goldstein, B. C. (2011). Páxina 4.
- ↑ Breen, W. (1988). Páxina 272.
- ↑ Breen, W. (1988). Páxinas 215-216.
- ↑ Carothers, N. (1930). Páxinas 151-185.
- ↑ "2 Cents "Union Shield"". Numista.com
- ↑ Carothers, N. (1930). Páxinas 186-192.
- ↑ Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 240-242
- ↑ Carothers, N. (1930). Páxina 198.
- ↑ Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 243.
- ↑ Bowers, Q. D. (2006). Páxina 13.
- ↑ Carothers, N. (1930). Páxina 201.
- ↑ "United States of America. 3 Cents. 1863". Banknote.ws
- ↑ 16,0 16,1 Breen, W. (1988). Páxina 242.
- ↑ 17,0 17,1 17,2 17,3 Goldstein, B. C. (2011). Páxina 18.
- ↑ 18,0 18,1 18,2 Bowers, Q. D. (2006). Páxina 14.
- ↑ Carothers, N. (1930). Páxina 302.
- ↑ Harper's Weekly. Vol. 9. 18 de marzo de 1865. Páxina 161.
- ↑ Greenbaum, G. M. (2015). Páxina 25.
- ↑ Carothers, N. (1930). Páxinas 301-302.
- ↑ Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 244.
- ↑ 24,0 24,1 Breen, W. (1988). Páxinas 242-243.
- ↑ Lange, D. W. (2006). Páxina 99.
- ↑ Breen, W. (1988). Páxina 353.
- ↑ Fanning, D. F. (2001). Páxina 97.
- ↑ Lange, D. W. (2006). Páxina 100.
- ↑ Carothers, N. (1930). Páxina 208.
- ↑ "5 Cents "Shield Nickel"". Numista.com
- ↑ 31,0 31,1 31,2 Carothers, N. (1930). Páxinas 205-208.
- ↑ 32,0 32,1 32,2 32,3 32,4 32,5 32,6 32,7 "Nickel Three Cent Piece Mintages". Threecentnickel.com
- ↑ 33,0 33,1 33,2 33,3 33,4 33,5 33,6 Yeoman, R. S. (2017). Páxina 131.
- ↑ Carothers, N. (1930). Páxinas 207-208.
- ↑ Bureau of the Mint (1904). Páxinas 47-50.
- ↑ Carothers, N. (1930). Páxinas 208-209.
- ↑ "Linderman, Hon. H.R.". Library of the Congress.
- ↑ Carothers, N. (1930). Páxina 209.
- ↑ Carothers, N. (1930). Páxinas 209-211.
- ↑ Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 253-254.
- ↑ Bureau of the Mint (1904). Páxina 50.
- ↑ Carothers, N. (1930). Páxinas 231-233.
- ↑ Bureau of the Mint (1904). Páxina 55.
- ↑ Breen, W. (1988). Páxina 295.
- ↑ Carothers, N. (1930). Páxina 236.
- ↑ "1873 Nickel Three Cent: Closed 3". Usacoinbook.com
- ↑ "1873 Nickel Three Cent: Open 3". Usacoinbook.com
- ↑ Breen, W. (1988). Páxinas 240-243.
- ↑ "1877 Proof Nickel Three Cent Piece". Threecentnickel.com
- ↑ 50,0 50,1 "1878 Proof Nickel Three Cent Piece". Threecentnickel.com
- ↑ Goldstein, B. C. (2011). Páxinas 5, 18.
- ↑ "1885 Nickel Three Cent Piece". Threecentnickel.com
- ↑ "1886 Proof Nickel Three Cent Piece". Threecentnickel.com
- ↑ 54,0 54,1 Carothers, N. (1930). Páxina 273.
- ↑ "Auction #1216. Lot #6767: 1881 3C Liberty Head Three Cents". Heritage Auctions. 9 de xaneiro de 2015.
- ↑ 56,0 56,1 Breen, W. (1988). Páxina 243.
- ↑ 57,0 57,1 Carothers, N. (1930). Páxina 299.
- ↑ HCCWM (1912). Páxinas 3-17.
- ↑ SCBC (1936).
- ↑ Ganz, D. L. (1977). "Toward a Revision of the Minting and Coinage Laws of the United States". Cleveland State Law Review.
- ↑ "Auction #1204. Lot #4032: 1887/6 3CN". Heritage Auctions. 23 de abril de 2014.
- ↑ McMorrow-Hernandez, J. (2022). "The 1877 Proof Three Cent Nickel". Professional Coin Grading Service.
- ↑ 63,0 63,1 Fanning, D. F. (2001). Páxina 97.
- ↑ Breen, W. (1988). Páxinas 243, 245.
- ↑ Breen, W. (1988). Páxina 245.
- ↑ Gifford, A. (2003). Páxinas 21-27.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Moeda de níquel de 3 centavos de dólar estadounidense |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]Libros e catálogos
[editar | editar a fonte]- Bowers, Q. D. (2006). A Guide Book of Shield and Liberty Head Nickels. Whitman, Atlanta. ISBN 978-0-7948-1921-7
- Breen, W. (1988). Walter Breen's Complete Encyclopedia of U.S. and Colonial Coins. Doubleday, Nova York. ISBN 978-0-385-14207-6
- Bureau of the Mint (1904). Laws of the United States Relating to the Coinage. US Government Printing Office, Washington.
- Carothers, N. (1930). Fractional Money: A History of Small Coins and Fractional Paper Currency of the United States. John Wiley & Sons, Nova York. [Reimpreso en 1988 por Bowers and Merena, Wolfeboro. ISBN 0-943161-12-6]
- HCCWM: House Committee on Coinage, Weights, and Measures (1912). Coinage of a Three-Cent Piece. US Government Printing Office, Washington.
- Gifford, A. (2003). The Ultimate Guide to U.S. Three Cent Nickels: 1865 to 1889. A. Gifford, San Louis.
- Lange, D. W. (2006). History of the United States Mint and its Coinage. Whitman, Atlanta. ISBN 978-0-7948-1972-9
- SCBC: Senate Committee on Banking and Currency (1936). Bills on Issuance of Commemorative Coins. US Government Printing Office, Washington.
- Taxay, D. (1983) [1966]. The U.S. Mint and Coinage. Sanford J. Durst Numismatic Pub., Nova York. ISBN 978-0-915262-68-7
- Vermeule, C. (1971). Numismatic Art in America. Harvard University Press. ISBN 978-0-674-62840-3
- Yeoman, R. S. (2017). A Guide Book of United States Coins (The Official Red Book) (71ª ed.). Whitman, Atlanta. ISBN 978-0-7948-4506-3
Artigos e outras fontes
[editar | editar a fonte]- Fanning, D. F. (2001). "Silver and Nickel 3-Cent Pieces. An Overview". En The Numismatist. Xaneiro. American Numismatic Association. Páxinas 36-38, 97-98.
- Goldstein, B. C. (2011). "The Power of 3s". En Coin World. 6 de xuño. Páxinas 4-5, 14-15, 18.
- Greenbaum, G. M. (2015). "A Share of Glory". En The Numismatist. Novembro. American Numismatic Association. Páxina 25.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Moeda de 3 centavos de dólar estadounidense
- Moeda de prata de 3 centavos de dólar estadounidense
- Moedas do dólar estadounidense
- Casa da Moeda dos Estados Unidos